Tuesday 14 de May de 2024

Fabiola García salienta as catro décadas de traballo de Aspronaga na formación, apoio e integración das persoas con discapacidade


Na actualidade, a Xunta financia 267 prazas nos centros ocupacional, de día, residencias e vivendas tuteladas que xestiona a entidade en Oleiros e na Coruña

A conselleira de Política Social, Fabiola García, enxalzou esta mañá a vocación formativa, de apoio e integradora da Asociación pro persoas con discapacidade intelectual de Galicia (Aspronaga). Díxoo nos actos conmemorativos do 40 aniversario da fundación do centro laboral Lamastelle.

Fabiola García destacou que o Goberno galego destina na actualidade 3,3 millóns de euros a ofertar 267 prazas públicas nos diferentes centros de Aspronaga, o que supón o 75% das prazas que esta entidade ten en servizo. Desta oferta, 131 están a disposición das familias no centro ocupacional que hoxe visitou a conselleira, 57 na residencia do centro Ricardo Baró, 43 no centro de día, 17 na residencia Casa de Lamastelle e 19 nas dúas vivendas tuteladas que xestiona a asociación.

Ademais, a conselleira garantiu a continuidade do apoio do Executivo autonómico ás entidades sociais que, como Aspronaga, traballan por mellorar a calidade de vida e a integración das persoas con discapacidade intelectual, o que contribúe a que Galicia sexa máis comprometida, inclusiva e acolledora.

Neste sentido, lembrou que na última década a Xunta multiplicou por dous os fondos destinados á atención á discapacidade, ata acadar nos orzamentos deste ano os 106 millóns de euros; e que o número de prazas publicas neste ámbito incrementouse en máis dun millar neste mesmo período de tempo, situándose hoxe por riba das 5.400